A ACCESIBILIDADE NO FESTIVAL SINGULAR 2026
A anticipación, clave da accesibilidade
A anticipación é un elemento esencial cando nos diriximos a públicos con diversidade funcional. Evitar o efecto sorpresa e ofrecer información clara e detallada con antelación permite que as persoas poidan planificar a súa experiencia de maneira autónoma e segura.
Antes da asistencia, é fundamental facilitar a maior cantidade posible de información sobre a obra e o espazo, empregando unha linguaxe clara, sinxela e próxima, explicando como chegar ao lugar, como moverse polo espazo, que medidas de accesibilidade están dispoñibles, que apoios ou equipamentos se poderán atopar e como será a disposición do entorno en canto a iluminación, son, capacidade ou accesos.
Esta previsión non só favorece a participación das persoas con discapacidade, senón que tamén mellora a experiencia global do público, reforzando unha sensación de confianza, acollida e respecto, e contribuíndo á creación de espazos máis inclusivos para todos e todas.
É importante tomar conciencia de que temos a obriga de facilitar o acceso ao feito cultural a todas as persoas. Resulta fundamental entender que o público ao que nos diriximos é rico e diverso e, polo tanto, debemos ser quen de garantir o seu acceso, gozo e participación.
Por iso de cara a esta próxima edición realizaremos varias accións anticipativas en relación á accesibilidade.
Nos espectáculos
COSTA DA MORTE. CARTOGRAFÍA DUN NAUFRAXIO.
CHEGAR E ENCHER.
Unha acción accesible é o paseo sensorial polo escenario previo á función, unha experiencia pensada para favorecer a comprensión e a anticipación da obra, con especial atención ás persoas cegas ou con trastorno do espectro autista (TEA).
Esta acción consiste en permitir que o público participante acceda ao escenario antes da representación para explorar de maneira guiada a escenografía, tocando os materiais, recoñecendo os volumes, as texturas e a disposición do espazo. Este contacto directo facilita a creación dun mapa mental do escenario, fundamental para as persoas cegas, e reduce a incerteza espacial, un factor clave para as persoas con autismo.
No caso destas dúas pezas de carácter unipersonal, o paseo inclúe tamén unha aproximación á actriz: permítese coñecer o vestiario, tocar as pezas, identificar tecidos e elementos característicos da caracterización, así como escoitar a súa voz de cerca para identificala previamente. A actriz pode presentarse no seu propio personaxe, explicando como se move, como fala e como expresa as emocións, favorecendo así unha conexión previa coa interpretación. Esta experiencia previa á función cumpre unha dobre función: por unha banda, fai consciente e accesible o universo escénico para persoas cegas; pola outra, anticipa situacións, estímulos e dinámicas para persoas con TEA, reducindo a ansiedade e facilitando unha vivencia máis tranquila e gozosa da función.