SINGULAR é un festival de artes escénicas con ampla traxectoria no panorama cultural galego que, na súa undécima edición (2026), consolida a súa identidade como unha cita única no país. A súa programación destaca pola calidade artística, o compromiso social e a aposta decidida polo formato unipersoal, cunha mirada contemporánea, crítica e diversa.

Celebrado en Narón, o festival combina creación escénica, formación e encontro profesional, reunindo compañías galegas, estatais e internacionais, con especial atención á visibilización do traballo das mulleres creadoras e ás propostas con contido social. Singular defende unha creación arriscada, íntima e comprometida, tanto para público adulto como infantil e xuvenil, entendendo a cultura como ferramenta de reflexión, educación e transformación.

Con vocación internacional, Singular é tamén un espazo de diálogo entre Europa e Latinoamérica, acollendo encontros profesionais, redes culturais e colaboracións estables que fortalecen o intercambio artístico máis alá das lóxicas do mercado. Un festival que aposta pola proximidade, pola memoria, pola diversidade e pola construción dun territorio escénico común baseado no encontro, a igualdade e o pensamento crítico.